Friday 26 de April de 2024

A Xunta traslada aos empresarios de Bergondo as axudas para autónomos, fomento do emprego, financiamento e eficiencia enerxética para apoiar a súa actividade


Ovidio Rodeiro apuntou a importancia de dar a coñecer estes apoios para que as persoas interesadas teñan acceso ás mesmas
O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro Tato, participou nun encontro de traballo coa asociación de empresarios de Bergondo e representantes dos concellos do Consorcio das Mariñas para dar a coñecer as liñas de axudas destinadas para os autónomos, para o fomento do emprego, para facilitar o financiamento e para o aforro e a eficiencia enerxética
No encontro, os asistentes recibiron información sobre os servizos e axudas que ofrece a Consellería en materia de emprego e comercio, así como os apoios de Igape, tanto desde o punto de vista do nacemento dunha idea ata a decisión de crear unha compañía, como para a súa consolidación e posterior internacionalización.
Outro dos aspectos analizados son as axudas para apoiar as iniciativas empresariais e industriais en Galicia. Así, tras a aprobación da nova Lei de implantación empresarial, as compañías interesadas en implantarse na Comunidade contarán cunha maior simplificación administrativa, máis facilidades no acceso ao solo industrial e máis incentivos fiscais.
Tamén se explicaron os apoios activados en materia de emprego -xa van máis de 66 millóns de euros no que vai de ano en ordes destinadas a autónomos, contratación en pemes, e unidades formativas para ocupados e desempregados-; e os apoios que a Xunta puxo este ano en marcha dirixidos ao pequeno comercio e, en concreto, os dirixidos ao asociacionismo comercial para optar aos 2,5 millóns de euros destinados tanto á dinamización comercial, fidelización e mellora da competitividade de centros comerciais abertos e asociacións de praceiros, como para a revitalización do comercio a través de apoios a asociacións de ámbito superior ao municipal ou federacións.
Outro dos puntos abordados no encontro foron as medidas destinadas ao colectivo de autónomos que contan con 14,6 millóns para impulsar o inicio da actividade, cunha previsión de chegar ata 4100 autónomos. Ademais se abre a posibilidade de solicitar axudas destinadas a favorecer a contratación indefinida de traballadores en 190 empresas de autónomos, para as que se dedican 1,35 millóns.
O ano pasado, só as axudas ao emprego autónomo beneficiaron na Coruña e comarca (Abegondo, Arteixo, Bergondo, Carral, Culleredo, Sada e Oleiros) a 497 autónomos e permitiron crear 654 postos de traballo por un montante total de 1.167.500 euros. Na provincia foron 3.720.500 os millóns destinados a un total de 1480 autónomos e se crearon 1932 postos de traballo.
Financiaranse tamén as altas na Seguridade Social ou en mutualidade do colexio profesional que se formalicen entre o 1 de outubro de 2017 e o 30 de setembro de 2018, ambos inclusive.
Outro dos programas está destinado a apoiar a contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador en empresas de traballadores por conta propia. Para a primeira contratación, concederanse axudas de 3000 euros, cando se trate dunha persoa sen emprego, que aumentará ata os 5000 euros para parados de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. No caso do segundo e terceiro traballador, a contía será de 5000 euros para os desempregados en xeral, que se incrementará ata os 7000 euros para os mesmos colectivos -parados de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social-.
En todos os casos, e, ao igual que no primeiro dos programas, as axudas aumentarán nun 25% para as mulleres, emigrantes retornados, maiores de 45 anos e no caso de que a compañía estea situada nun concello do rural. Deste xeito, os apoios oscilarán entre os 3000 e 14.000 euros.
En xeral, son axudas para impulsar o autoemprego en Galicia e apoiar a súa consolidación propiciando a creación de empresas e, polo tanto, mellorando a economía e reducindo as cifras de desemprego. Esta actuación enmárcase na Estratexia Autónomo 2020, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar e consolidar o traballo por conta propia de 10.000 autónomos ao ano, orientándoo ás novas necesidades do mercado de traballo, como é a Industria 4.0.
O delegado territorial destacou o importante esforzo que se está a facer para xerar oportunidades entre os empresarios e os autónomos, xa que son unha das principais fonte de riqueza da nosa comunidade. “É moi importante dar a coñecer estas axudas para que as persoas interesadas teñan acceso as mesmas”, apuntou. Neste senso destacou que “desde a delegación territorial estamos a realizar varios encontros e xornadas por toda a provincia para achegar de primeira man aos posibles beneficiarios as opcións que teñen abertas”.